Friday 17 de May de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 30 de setembro a exposición “María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes”


A mostra recolle fotografías e pezas cedidas pola familia da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018

A sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acolle a exposición “María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes”, unha mostra que rende tributo á autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018 e que achega a súa figura, vida e obra á veciñanza lousamiá. A exposición, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recolle a visión que varios ilustradoras e ilustradores galegos teñen dalgunhas das obras de Moreno.

A exposición contou coa coordinación de David Pintor. O humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés é o autor da imaxe central da mostra que, no seu conxunto, se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno: O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Canda os distintos paneis informativos, “María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes” expón dúas vitrinas con distintos obxectos da autora, dende a súa máquina de escribir ou os seus lentes, ata o título de licenciada en Filosofía e Letras, sección de filoloxía. A exposición poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame ata o vindeiro 30 de setembro.